Friday 29 de March de 2024

Ángeles Vázquez fai un chamamento para manter as praias libres de “Basuraleza” na noite de San Xoán


A gran recollida colaborativa nacional de residuos ‘1m2 contra a basuraleza’ desenvolveuse en 44 espazos naturais galegos, nos que preto de 900 voluntarios retiraron 339 quilos de residuos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo hoxe un chamamento á cidadanía para manter as praias libres de basuraleza na noite de San Xoán.

Durante unha visita á praia de Caión, no concello da Laracha, acompañada do alcalde, José Manuel López, e do delegado en Galicia de Ecoembes, Bruno de Llano, a conselleira incidiu na importancia de “gozar da noite de San Xoán sen deixar pegadas” e garantir, deste xeito, a boa conservación dos nosos areais. “Non debemos deixar atrás os residuos que xeremos, senón que temos que depositar cada un no contedor correspondente”, asevereu.

Os tres obxectivos a perseguir son protexer a biodiversidade, os recursos hídricos e o solo; sensibilizar aos participantes nestas celebracións, e evitar a produción de residuos e reutilizar ou reciclar os residuos xerados.

Nesa liña, Ángeles Vázquez salientou a actividade 1m2 contra a basuraleza do Proxecto Libera de SEO/Birdilife, en alianza con Ecoembes, co que a Xunta colabora desde hai máis de cinco anos.

De feito, vén de celebrarse a sexta edición desta recollida colaborativa cidadá, que ten como obxectivo concienciar sobre o impacto ambiental da basuraleza e amosar o compromiso da sociedade coa protección e preservación do medio ambiente. En Galicia, a iniciativa desenvolveuse, a pasada fin de semana, en 44 espazos naturais, nos que preto de 900 participantes retiraron 339 quilos de basuraleza.

Durante esta actividade os residuos máis atopados foron cabichas, seguidas dunha gran cantidade de bolsas, envoltorios de comida e outros obxectos como máscaras, toallas hixiénicas e pneumáticos, que causan un grande impacto no medio natural, o que fai fundamental este tipo de campañas de concienciación e sensibilización cidadá.

Cómpre salientar que a Xunta se sumou no 2017 por primeira vez ao proxecto Libera. Desde ese momento, o Goberno galego por medio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda apoia e dá difusión ás sucesivas campañas de limpeza que se realizan cada ano na nosa Comunidade.